O profesor vigués Xosé Henrique Vázquez, primeiro español en gañar o William Kapp Prize

Novembro 11, 2008 at 11:58 am Deixar un comentario

Explorar novas ideas máis alá da sabedoría tradicional valeulle ao profesor Xosé H. Vázquez converterse no primeiro español en gañar o William Kapp Prize 2008; un premio outorgado a traballos de investigación que fomenten a permeabilidade entre distintas disciplinas para ofrecer solucións a problemas económicos ou de organización de empresas non resoltos.

 

Baixo o título Explicación ecléctica dos sistemas de control operario, Vázquez comeza por identificar varios sistemas de control na planta de producción a partir das achegas realizadas dende a enxeñería de organización, a psicoloxía industrial e a economía.  Nunha segunda sección caracteriza os procesos realizados nas plantas segundo características como os investimentos específicos asociados (investimentos que perderían boa parte do seu valor fora da súa liña de producción), a cadencia diaria desos procesos ou a frecuencia con que sufren cambios debido á implementación de innovacións  de producto ou optimización do seu funcionamento. O traballo, sen embargo, pretende ir alén dunha explicación dos sistemas de control basado exclusivamente na eficiencia.  Busca tamén nunha terceira sección utilizar recentes desenvolvementos en economía para ampliar a explicación do deseño dos sistemas de control operario internalizando no seu modelo distintas consideracións en relación ao funcionamento do mercado de traballo, tais como a taxa de desemprego ou distintos problemas asociados á formación continua, que dificultan a mobilidade de traballadores entre empresas. Ofrécese así unha explicación complementaria á da simple eficiencia interna das empresas.  Por último, Vázquez busca interdependencias entre os distintos sistemas de control operario, ben en forma de complementariadades ou en termos de sustituibilidade.

“Dei unha explicación ecléctica no senso de que empreguei aqueles parámetros que eu pensaba que o explicaban mellor, independentemente de que foran propias desta disciplina ou daquela outra”, sostén o experto vigués. Algúns dos aspectos tratados neste artigo, aqueles máis relacionados cos efectos da innovación e optimización de procesos, foron xa postos en práctica a través de acordos de cooperación con empresas viguesas como Pescanova, Radio Vigo, InovaConsult, Aaccentia ou institucións públicas como a Consellería de Economía, ou o Instituto Galego de Estatística.

 

Analizáronse 320 empresas de alimentación e electrónica

Para realizar a investigación o profesor centrouse no sector industrial e, máis concretamente, no ámbito da alimentación e a electrónica, na procura da maior variedade de trazos organizativos e tecnolóxicos distintos. Analizou un total de 320 empresas españolas elixidas a través dunha mostra aleatoria. Estudou dende as súas políticas de innovación ata os diferentes cambios levados a cabo a nivel produtivo ou diferentes variables para poder medir a conduta oportunista de empresarios e traballadores.

 

Un traballo iniciado no 1999 en Manchester

O xerme da investigación xurdiu durante unha estancia na Escola de Negocios de Manchester no 1999, influído polos traballos que estaban facendo algúns dos seus investigadores senior.

Vázquez estaba facendo a tese de doutoramento e, naquel momento, non puido dedicarse a resolver esta incógnita, pero co tempo mantivo a preocupación por este tema e, a base de dedicarlle moitas horas de estudo conseguiu plantarlle cara a este particular reto. “Era un problema do que desde o inicio tiña unha intuición pero non daba atopado a forma de resolvelo, nin dende o punto de vista teórico nin empírico. Foi un proceso longo, pois non o rematei ata o 2004”, engade o investigador.

No 2006 foi publicado na revista Organization Studies e hai uns meses presentouno ao premio, pero non el senón un vello amigo de Manchester, “así que a metade do premio en metálico terei que compartilo con el”.

 

En homenaxe a William Kapp

O importe do premio, 2000 euros, é financiado pola Fundación William Kapp, creada co obxectivo de fomentar a exploración de novas ideas fóra do que pode ser a sabedoría convencional.

Kapp está considerado un dos pais da economía ecolóxica. “Este autor fixo unha desas contribucións á economía ortodoxa que logo derivaron en unha enorme corrente de pensamento na que se unen economía e medio ambiente”, explica Vázquez, quen quere quitarlle peso ao feito de ser o primeiro español en quedarse co galardón “non é nada relevante, xa que o mercado académico é un mercado absolutamente globalizado. Non hai unha liga galega ou española, como no fútbol. Ou compites a nivel internacional ou sinxelamente non compites, e entón é mellor que te dediques a outra cousa”, manifesta.

Este sábado 8 de novembro recolleu o premio en Roma no congreso anual da asociación, a vindeira semana regresará a Vigo onde seguirá impartindo clases de Dirección de Empresas e Xestión Tecnolóxica e da Innovación. Iso si, seguirá pondo en dúbida aquelas teorías que non o convenzan, ao tempo que tratará de indagar outras alternativas.

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

O Concurso de Fotografía Biolóxica está adicado este ano aos artrópodos A Unidade de Cultura Científica na Radio Galega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: