O programa GaliciaBioemprende selecciona o proxecto Nanoimmunotech como mellor iniciativa empresarial no eido biotecnolóxico

Xaneiro 16, 2009 at 9:15 am Deixar un comentario

nanoinmunotech

DUVI / M. del Río

O proxecto Nanoimmunotech, impulsado polos investigadores da Universidade, Christian Sánchez e África González, vén de ser elixido como a mellor iniciativa empresarial no eido biotecnolóxico. O premio, de 30.000 euros para poñer en marcha a spin-off, enmárcase dentro do programa GaliciaBioemprende, promovido polo Igape, BIC Galicia e a Fundación Genoma España.

Relacionada co campo da biomedicina, Nanoimmunotech é unha iniciativa empresarial pioneira en Europa, converténdose na primeira empresa especializada na caracterización e validación de nanopartículas, un paso previo ao seu uso en técnicas de diagnose in vivo ou en terapias humanas. Segundo explica Sánchez, “con este proxecto pretendemos formar a primeira empresa europea que ofreza dun xeito integrado a caracterización e a validación destas nanopartículas, algo imprescindible para poder empregalas na biomedicina” ademais de ofrecer asesoramento personalizado previo ao uso destes nanomateriais.

Xunto con Christian Sánchez, forma parte deste proxecto a investigadora África González, ambos do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade, e o grupo de Instituto de Nanociencia de Aragón da Universidade de Zaragoza.

Unha empresa pioneira en Europa

O premio do programa GaliciaBioemprende, de 30.000 euros, serviralles aos investigadores para poñer en funcionamento unha empresa pioneira en España e Europa, dentro dun campo como é a nanotecnoloxía, que nos últimos anos foi obxecto dun crecemento “exponencial e que é xa unha realidade no desenvolvemento de novos materiais”.

A xustificación desta innovadora iniciativa empresarial aséntase no campo biomédico. Segundo os investigadores, aínda que hai moitas empresas e grupos de investigación que de dedican a deseñar nanopartículas con finalidade terapéutica ou de diagnose e tamén empresas farmacéuticas desenvolvendo diversos tipos de fármacos, non existe ningunha empresa en Europa dedicada a realizar un desenvolvemento especializado dos métodos de caracterización fisicoquímica e biolóxica das nanopartículas, así como en melloralas mediante o seu recubrimento con diversos compostos. Previo ao uso das nanoestruturas no organismo é preciso realizar unha serie de probas que aseguren que as nanopartículas que se van empregar nos seres humanos son completamente biocompatibles, do mesmo xeito que se fai cos fármacos en ensaios. “Son moitos os que se dedican a fabricar nanopartículas pero faltan outras empresas que fagan a adaptación a organismos vivos e descubrir como reaccionan estas partículas. Nós en Vigo centrariámonos na caracterización biolóxica e o grupo de Zaragoza na fisicoquímica ”, explica Sánchez.

Tecnoloxía innovadora

O potencial innovador de Nanoimmunotech aséntase no uso de tecnoloxías punteiras e custosas, xa que a caracterización das nanopartículas inclúe tanto estudos físico-químicos como biolóxicos e o seu recubrimento con biomoléculas activas como DNA, péptidos ou azucres. “O noso obxectivo é o desenvolvemento de novos produtos biotecnolóxicos que poidan ser patentados pola propia empresa, así como validar as nanopartículas que queiran empregarse en clínica”. Deste xeito, o traballo da spin-off tería aplicacións no campo da biomedicina, do sector veterinario e agroalimentario, no campo da investigación e no sector biotecnolóxico e farmacéutico. Segundo Sánchez, “o noso proxecto está dirixido principalmente a empresas farmacéuticas, empresas de produtos de cosmética, centros e grupos de investigación, empresas biotecnolóxicas, universidades, hospitais e laboratorios”.

GaliciaBioemprende

O programa GaliciaBioemprende está promovido polo Igape, BIC Galicia e a Fundación Genoma España e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O seu obxectivo é dar apoio á creación, crecemento e consolidación de empresas biotecnolóxicas e está dirixido a emprendedores e empresarios que teñan unha idea de negocio neste eido e a queiran poñer en práctica mediante a creación dunha spin-off. Nesta primeira edición presentáronse un total de 28 proxectos, 18 dos cales foron desenvoltos e avaliados os plans de negocio. Deles foron seleccionados catro finalistas dos que resultaron premiados Nanoimmunotech e Climadaptación, que foi Premio Fundación Genoma España.

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

Unha boa relación socio-monitor revélase como o aspecto máis importante para evitar as altas taxas de abandono nos ximnasios Novo récord mundial en simulación electromagnética do grupo HEMCUVE das universidades de Vigo e Estremadura

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: