O uso do preservativo na adolescencia está máis asociado a evitar embarazos que a previr enfermidades de transmisión sexual

Marzo 5, 2009 at 10:06 am Deixar un comentario

Os e as adolescentes empregan máis o preservativo que a xente nova, sen embargo o obxectivo do seu uso non é tanto previr enfermidades de transmisión sexual como evitar embarazos non desexados. Esta é unha das conclusións ás que chegaron os profesores da Universidade de Vigo José María Faílde e María Lameiras na súa investigación Prácticas sexuales de chicos y chicas españoles de 14-24 años de edad que realizaron en colaboración con José Luis Bimbela da Escuela Andaluza de Salud Pública.
O obxectivo do traballo foi avaliar os coñecementos sobre a infección por VIH, os métodos anticonceptivos e, sobre todo, “as prácticas sexuais para determinar os riscos asociados ás enfermidades de transmisión sexual ou a embarazos non desexados”, explicou José María Faílde.
A investigación levouse a cabo nas comunidades autónomas de Madrid, Andalucía e Galicia, onde se fixeron entrevistas persoais a 2171 persoas, aproximadamente 720 suxeitos por comunidade, con idades comprendidas entre os 14 e os 24 anos. A efectos de poder comparar diferenciáronse dous grupos na mostra, por unha banda a poboación adolescente, de 14 a 18 anos e por outro lado, a poboación de xente nova, dende os 19 aos 24 anos.

O emprego do preservativo en homes e mulleres
O estudo que foi publicado pola revista Gaceta sanitaria reflicte que “en relación ao emprego do preservativo, existen prácticas sexuais diferenciadas en función do xénero”, precisou Faílde. Mentres que as rapazas empregan máis o preservativo nas prácticas coito-vaxinais, os varóns fan máis uso del nas prácticas coito-anais e no sexo oral, comparativamente coas mulleres. “Estes datos indícannos que as mozas preocúpanse máis pola prevención dos embarazos, que pola posibilidade de transmisión de enfermidades”. Non obstante, hai que matizar que as mulleres adoitan ter máis prácticas sexuais no contexto de relacións afectivas estables ou monogamia serial, é dicir, relacións de curta duración encadeadas, o que lles proporciona unha sensación de seudoseguridade. Sen embargo, na maioría dos casos non se realizou ningún tipo de proba para descartar enfermidades e aínda así optan por outros métodos como son a píldora sen pensar na prevención de enfermidades de transmisión sexual.

En cifras, o 20% dos homes e 25% das mulleres non fan uso nunca do preservativo, mentres que o 57,8% e o 55,1% emprégano sistematicamente. A este respecto unha variable importante asociada ao uso habitual do preservativo é “empregalo na primeira relación sexual”. No tocante ao grao de aceptación, as mulleres están máis dispostas á utilización do preservativo que os homes.

Os adolescentes fan máis uso do preservativo
Respecto á idade, os entrevistados de 14 a 18 anos fan un maior uso do preservativo que os do grupo de xente nova de 19 a 24 anos. A explicación é que a partir dos 19 anos hai unha maior tendencia á estabilización das parellas e “neste contexto de relacións afectivas de maior duración existe a tendencia a deixar de empregar o preservativo en prol doutros métodos como a píldora”, indicou Faílde.

Sen embargo hai que indicar que o seu uso está máis asociado a evitar a embarazos non desexados que a previr o contaxio de enfermidades de transmisión sexual. Outro dato salientable da investigación “é o escaso coñecemento sobre a seguridade dos métodos de prevención entre a poboación”.

Un estereotipo desmentido
Na investigación tamén se conseguiu aclarar un estereotipo estendido na sociedade, como é “que os homes teñen máis parellas sexuais e son máis activos sexualmente”. Tras o estudo comprobouse efectivamente que se dá a primeiras das condicións, sen embargo descubriuse que son máis activas as mozas. A razón disto é que as mulleres teñen máis relacións afectivas de longa duración que os varóns e “as parellas estables teñen maior frecuencia de relacións sexuais que as parellas esporádicas”. Por iso comparativamente, no grupo de estudo, as mulleres teñen maior frecuencia de coitos vaxinais que os homes, aínda que estes son máis promiscuos, o que non significa que sexan máis activos.

Novas investigacións
Actualmente tanto María Lameiras como José María Faílde están a traballar co seu grupo de investigación da Universidade de Vigo nun estudo sobre a viabilidade e uso do preservativo feminino, menos coñecido que o masculino, pero que “pode ser moi importante para incrementar o empoderamento da muller e as estratexias de prevención, xa que moitas veces o preservativo masculino é rexeitado polo varón”, explicou Faílde.

>>Vídeo da Noticia

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

¿Por qué ler ciencia? FECYT publica a convocatoria de axudas do programa de cultura científica e da innovación 2009

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: