350 oceanógrafos de todo o mundo daranse cita en Vigo no II Simposio Internacional de Ciencias do Mar

Abril 27, 2009 at 11:55 am Deixar un comentario

A vindeira semana a cidade de Vigo acollerá a boa parte da elite internacional da oceanografía coa celebración do II Simposio Internacional de Ciencias do Mar. Arredor de 350 asistentes, entre investigadores e estudantes, asistirán a este evento multidisciplinar no que, ao longo de catro días, se abranguerán todos os campos relacionados coas ciencias mariñas con relatorios e mesas redondas sobre os ámbitos químico, físico, biolóxico e xeolóxico.
Organizado pola Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, o seu decano, Jesús Souza, salienta que se trata dunha iniciativa que “servirá para colocar ao centro no panorama internacional, aínda que xa contamos cun peso específico moi salientable”. En total, presentaranse máis de 350 relatorios dende o luns e ata o xoves no Centro Social Caixanova, o que supón unha resposta “incluso maior da que esperábamos, tanto a nivel de comunicacións como de asistentes”, explica Souza.
Este simposio é unha iniciativa dos decanos de Ciencias do Mar das cinco facultades de España, de xeito que cada dous anos, unha delas acolla este evento. Vigo encargouse desta segunda edición do simposio, trala edición de Valencia en 2007, tratando de aproveitar as sinerxías coas que conta a cidade nas ciencias mariñas, en estreita colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía, o Centro Tecnolóxico do Mar ou o Museo do Mar.

Unha importante plataforma para os estudantes
Con todo, malia ser un congreso eminentemente científico, os seus organizadores decidiron dotar aos estudantes do ámbito das ciencias mariñas dun peso específico dentro do programa. Deste xeito, moitos deles poden ter a súa primeira toma de contacto con investigadores de alto nivel “como os que se van dar cita en Vigo, ao tempo que poden coñecer o perfil investigador dos seus propios docentes”, puntualiza Souza. Neste mesmo camiño e da man da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, o simposio ten un espazo reservado para o contacto entre estudantes e empresas do sector. Segundo explican “son poucas as ocasións nas que conflúen nun mesmo espazo e momento o elevado número de investigadores, profesionais e representantes de organismos ligados á oceanografía”. Esta iniciativa tratará de mostrar a actividade que desenvolven estas empresas, mostrando a súa oferta, produtos e servizos. “O ISMS’09 convértese así nunha grande oportunidade para que as empresas entren en contacto directo cos profesionais”, destacan.

Un programa multidisciplinar con ponentes de elite
Ao longo da semana, comunicacións orais e póster e conferencias convidadas afondarán en todos aqueles temas relacionados coa oceanografía. “É un congreso multidisciplinar que abarca todos os campos relativos ás ciencias mariñas dende un punto de vista de tópicos de oceanografía, polo que o imos agrupar as comunicacións nos ámbitos químico, físico, biolóxico e xeolóxico”, explica Souza.
Dende a organización agardan reunir neste simposio aos estudantes, profesionais e persoas en xeral ligadas ao mar. “Gustaríanos que se convertera nun foro de debate onde os científicos presenten os seus resultados e os estudantes poidan actualizarse, completar a súa formación e tamén obter ideas sobre os campos aos que queiran encamiñarse no futuro”.
Entre os traballos recibidos, o decano explica que abordan temas como ciclos bioxeoquímicos, teledetección, ecoloxía e fauna antártica, contaminación… , pero o congreso está aberto a que os investigadores presenten aquelas investigacións nas que están traballando actualmente. En total, a organización agarda contar con arredor de 350 participantes aproximadamente, entre investigadores e estudantes “algúns deles de lugares como Ecuador, de Chile, de Brasil, Australia, o continente europeo e das facultades de Ciencias do Mar de toda España”, destaca Souza Troncoso.

Ao longo das catro xornadas presentaranse arredor de 90 comunicacións orais e 280 en formato poster, ás que hai que engadir as conferencias plenarias de científicos de recoñecido prestixio. Entre eles cabe subliñar a presenza de Antony Underwood da Sydney University, “un número un na súa materia que traballa en deseño experimental e bioloxía mariña” e que será o encargado do relatorio inaugural. Xunto con el, entre os convidados destacan Ana Ramos Marto, do Centro Oceanográfico de Málaga; Santiago Hernández León, decano da Facultade de Ciencias do Mar da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria; Des Barton e Xosé Antón Álvarez Salgado, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo; Ana Vila Concejo, da Sydney University; Angelo Camerlenghi, da Universidad de Barcelona e Gonzalo Giribet, da Harvard University.

O programa completarase con visitas guiadas ao Museo do Mar e ao Parque Natural de Illas Atlánticas e os relatorios do simposio publicaranse posteriormente na revista Thalassas, editada no propio centro.

>>Visita a web do Simposio

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

A Facultade de Bioloxía participa na celebración mundial do Ano Darwin coa celebración dun ciclo de conferencias Conferencia: “El descubrimiento de agua en una estrella moribunda”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: