A Universidade enfoca ao mercado empresarial o traballo de dous grupos de investigación

Maio 21, 2009 at 10:34 am Deixar un comentario

angeles_lopez

O grupo de investigación de Agroambientais e Alimentarias (AA1) e o de Tecnoloxías da Información foron os elixidos pola Universidade de Vigo para participar no proxecto Unidades de Investigación Intensiva que, financiado pola antiga Consellaría de Innovación e Industria con 710.000 euros, tratará de pór en valor os resultados da investigación dos grupos dos centros públicos galegos.
Nunha experiencia conxunta coas outras dúas universidades de Galicia e o CSIC, búscase que cando os grupos de traballo emprendan unha liña de investigación, non o fagan soamente en termos científicos, senón que tamén avalíen as posibilidades de valoración e de transferencia dos resultados de investigación. Segundo salientou a directora da Oficina de I+D+i, OTRI, da Universidade, Ángeles López, “nunca ata agora se lle fixera un traballo exhaustivo das súas potencialidades de mercado, por iso, é unha iniciativa de enorme valor na que temos unhas expectativas moi grandes”.

Para a selección dos grupos que ían formar parte do programa fíxose unha convocatoria aberta entre os equipos de investigación de excelencia científica da Universidade. “A acollida foi extraordinaria e recibimos 27 solicitudes para participar”, salienta López. Os criterios de avaliación baseáronse nos méritos do grupo de I+D, referidos tanto á súa actividade investigadora e de produción científica, como á transferencia de coñecementos ao sector produtivo dos últimos cinco anos.

Na Universidade de Vigo optouse por comezar a traballar con dous grupos moi maduros que teñen xa unha bagaxe importante no ámbito da transferencia, no senso de que traballan habitualmente con empresas, realizaron proxectos europeos e mesmo algunha patente. Segundo apunta a directora da OTRI,“son dous grupos que nos pareceron que tiñan moitas posibilidades de proxección cara o mercado, e cremos que lle podemos quitar moito proveito dende o punto de vista de rendabilizar social e economicamente as súas investigacións”.

12 meses para deseñar un plan comercial

A duración total do proxecto estímase en doce meses. Na actualidade atópase na primeira fase que consiste en estudar a fondo cada un dos grupos. “Estannos a realizar unha análise dos recursos financeiros do grupo ao longo dos anos, así como das nosas liñas de investigación, incluíndo publicacións e patentes”, destaca Jesús Simal, coordinador do grupo de investigacións agroambientais e alimentarias.
Tras este estudo organizativo-funcional, virá o deseño dun plan estratéxico no que se establecerán os resultados que quere acadar o grupo a medio-longo prazo en relación ás liñas de investigación e proxectos que desenvolva e ás oportunidades de mercado que se poden presentar. “Trátase de plasmar as nosas necesidades en infraestruturas e recursos humanos para os próximos cinco anos”, apunta Simal.
A última fase, a que chegarán unicamente aquelas liñas de investigación que presenten un alto potencial de explotación, consistirá no deseño do Plan Comercial. Neste plan tentarase determinar a forma de explotación máis adecuada, haberá unha procura de socios públicos e privados que financien o proxecto e establecerase todo o relacionado coa comercialización do produto: procesos de produción, tramitación de patentes, canais de distribución…

“A expectativa é sacar un produto que eles poidan poñer no mercado. Ambos grupos teñen xa moita experiencia na realización de I+D para empresas, pero agora o obxectivo é lograr un produto que poidan vender ou licenciarllo a unha empresa”, apuntaba López, ou, tal como considerou Simal, “que o plan sirva para xerar o xerme de empresas concepto con base científico tecnolóxica tipo spin-off”.

AA1, un “supergrupo” no que cooperan catro equipos
A investigación cooperativa e multidisciplinar é a razón de ser do grupo de investigacións Agroambientais e Alimentarias, ubicado na Facultade de Ciencias. Segundo o seu coordinador, Jesús Simal, configuran o que a eles lles gusta denominar un “supergrupo” no que cooperan catro equipos especializados en Química-Física, Edafoloxía e Química Agrícola, Nutrición e Bromatoloxía, e Bioquímica.

“Tratamos de consensuar obxectivos e de buscar coincidencias nas liñas de investigación para ser máis ambiciosos, logrando un efecto multiplicativo máis que aditivo”, explica Simal. En total, son case vinte investigadores que traballan xuntos desde o ano 2000 para vincular os campos ambiental, agrario e alimentario.

Agora, segundo sinalan, a súa participación nestas Unidades vailles permitir fortalecer o grupo no futuro, principalmente afondando nas liñas de investigación máis ambiciosas e innovadoras, ademais de intensificar a transferencia de resultados ao sector privado e a transferencia de coñecemento a administración que teñen máis preto. “Pretendemos avanzar integrando o estudo do medio natural e o seu uso agrario co binomio seguridade-calidade das materias primas e dos produtos da súa transformación na industria”, recalca Simal.

Tecnoloxías para mellorar a calidade de vida
Adscrito ao departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade, o grupo de Tecnoloxías da Información centra o seu traballo na área da enxeñaría telemática, a realización de desenvolvementos competitivos para transferencia tecnolóxica ás empresas e formación avanzada en tecnoloxía da información.

A respecto do seu traballo no campo das tecnoloxías de redes sen fíos o grupo GTI ten desenvolvido importantes proxectos con aplicacións eminentemente prácticas como son as comunicacións en vehículos para, por exemplo, coñecer o estado das estradas, ou comunicacións e xestión de emerxencias no mar.
Nun ámbito moi distinto o grupo foi o encargado do desenvolvemento de dispositivos móbiles para a protección de vítimas de maltrato doméstico, nun proxecto impulsado pola antiga Consellería de Familia da Xunta de Galicia.

Publicado no DUVI

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

A UCC prepara unha publicación na que presenta as Empresas de Base Tecnolóxica xurdidas na Univerisdade de Vigo Arranca a actividade “As cores do mar de Toralla”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: