África González afonda na historia e o futuro das vacinas

Novembro 13, 2009 at 8:09 am Deixar un comentario

gal3

Publicado no DUVI

A sociedade actual está protexida de enfermidades como a variola ou a polio entre moitas outras grazas á investigación no ámbito da medicina. África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade, ofreceu un relatorio titulado As vacinas: un gran reto para a ciencia médica, no que puxo de manifesto os beneficios que reportan as campañas de vacinación ao longo da historia e especialmente na actualidade, posto que axudan a resolver doenzas complexas. A Fundación Pedro Barrié da Maza acolleu esta conferencia que inicia o programa A carón da ciencia, organizado pola Oficina de I+D da Universidade. Elsa Vázquez, vicerreitora de Investigación da Universidade apuntou na presentación do relatorio que “o obxectivo destas xornadas é o de divulgar o traballo científico e as liñas de investigación que estamos a levar a cabo” e agradeceu o interese dos asistentes, aos que convidou a participar na Semana da Ciencia.

Pasado, presente e futuro das vacinas
África González dedicou parte do seu relatorio para facer un percorrido pola historia das vacinas, remontándose ao tempo no que apareceron as primeiras epidemias, época na que eran consideradas castigos divinos. “No século X o estudoso Rhaces fixo a primeira descrición e diferenciación de enfermidades e cincocentos anos máis adiante o médico Girolano Fracastoro descubriu como se producía o contaxio e a transmisión das enfermidades infecciosas dunhas persoas a outras a través do aire, dando a coñecer o concepto de xerme” aclarou África González. Despois da introdución histórica, a catedrática afondou na evolución das vacinas arredor do caso da variola. Nas súas orixes facíase fronte a esta enfermidade cun prototipo precursor coñecido naquel momento como “variolización”, unha práctica procedente de China consistente na inoculación de pus seco de persoas que xa padeceran esa doenza. Deste xeito, no século XVIII comezou a inmunoloxía como ciencia e a vacinación iniciou a súa traxectoria para protexer á sociedade fronte a enfermidades infecciosas grazas ao traballo de numerosos estudosos, entre os que cabe salientar a Edward Jenner, Koch ou Pasteur.
Na actualidade existe un coñecemento máis profundo dos patóxenos e xorden novas técnicas de diagnóstico, o que supón un grande adianto para a ciencia médica. Segundo África González “o século XX é a era das vacinas. A súa aparición e mellora pon remedio á moitas enfermidades coñecidas como a hepatite”.
A catedrática tamén puxo de manifesto a importancia das campañas de vacinación para a erradicación de patóxenos, como sucedeu coa variola nos anos oitenta, ou para diminuír os casos de enfermidades como a polio ou o sarampelo. “Xunto á hixiene e os antibióticos, a vacinación é unha das prácticas que máis vidas salvou no planeta” afirmou a África González. Así mesmo tamén explicou aos asistentes en que consistía o plan de vacinación no noso país para inmunizar aos nenos dende os primeiros anos de vida e tratou de definir como sería a vacina perfecta dende distintos puntos de vista. “Na miña opinión, unha boa vacina tería que combinar niveis protectivos eficaces e memoria inmunolóxica. Pola contra, os Estados buscan unha solución económica de fácil distribución, mentres que os pacientes desexarían evitar a dor e a procuran a existencia dunha vacina universal que trate todas as enfermidades co fin de erradicar todas as doenzas do planeta”.
Por outra banda, África González expuxo o proceso de fabricación dunha vacina e os retos que supón o seu desenvolvemento. “Os principais inconvenientes son a conservación da vacina, xa que hai que manter a cadea de frío, por iso é tan difícil achegalas ao continente Africano” explicou a catedrática. En canto á produción empresarial de vacinas, salientou o escaso número de entidades que se dedican a este labor. “Hai moi poucas interesadas nesta disciplina posto que supón un alto custo e resgo para a organización e a cambio obteñen pouca marxe de beneficios” declarou González. As empresas dedicadas á produción de vacinas atópanse con moitas dificultades por traballar contrarreloxo con compostos biolóxicos e a súa actividade está sometida a regras moi estritas, amais do resgo de denuncias en caso de o produto produza efectos secundarios. “A inversión pública e privada nesta materia sería unha boa solución a este problema” declarou África González, que expuxo o presente e futuro das vacinas a través de novas liñas de investigación centradas no estudo da mutación do virus do SIDA ou a malaria, provocada por un parasito complexo.

Consellos fronte a Gripe A
África González ofreceu una visión tranquilizadora do desenvolvemento desta enfermidade no noso país que cualificou como leve e tratou de dar resposta ás inquietudes dos asistentes sobre o virus H1N1. González explicou que é necesaria unha nova vacina ademais da estacional posto que “é un virus novo que muta rapidamente, polo que é impredecible”. A alarma que disparou esta cepa nun primeiro momento ven dada pola súa similitude coa gripe española de 1918, a máis virulenta coñecida ata o de agora, e a diferenza da gripe común, afecta a nenos e mozos, o que é moi inusual. Sen embargo, a previsión do desenvolvemento da Gripe A é boa, tendo en conta os estudos realizados no hemisferio sur, onde a enfermidade fixo a súa primeira aparición. Para rematar, África González fixo algunhas recomendacións aos asistentes para afrontar a gripe consistentes principalmente no coidado da hixiene e evitar as aglomeracións e o abuso dos fármacos, que deste xeito poden resultar ineficaces.

Advertisements

Entry filed under: Uncategorized.

Conferencia: “Vacinas: un gran reto para a ciencia médica” Evolución Estelar e o descubrimento de auga nunha estrela moribunda

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030

Artigos recentes


%d bloggers like this: