Convocadas as axudas de Diverciencia 2010

Xullo 30, 2010 at 10:11 am Deixar un comentario

A convocatoria ‘Diverciencia’ da Dirección Xeral de I+D+i, dotada con 462.000 euros, promove a realización de actividades lúdicas e participativas a través do seu financiamento
Os destinatarios das axudas son as universidades galegas, centros tecnolóxicos, organismos públicos de investigación, organismos dependentes de entidades locais e entidades sen ánimo de lucro

Santiago, 27 xullo de 2010.- A Consellería de Economía e Industria apoia este ano con 462.000 euros a realización de actividades de divulgación e comunicación da ciencia e da innovación por parte de universidades, centros tecnolóxicos e outras entidades relacionadas co Sistema Galego de I+D+I. O soporte a estas accións realizarase a través da convocatoria de axudas que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que subvencionará accións que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2010, englobando así datas correspondentes á Semana da Ciencia, que este ano terá lugar do 8 ao 21 de novembro.
O obxectivo principal de ‘Diverciencia’, que manterá o prazo de recepción de solicitudes aberto ata o 27 de agosto, é promover o desenvolvemento de actividades de comunicación e divulgación científico-tecnolóxica e da innovación que contribúan a fomentar unha cultura popular do coñecemento sobre estas materias para mellorar a percepción das actividades de I+D+I e da repercusión dos seus resultados na vida cotiá.

Mediante esta liña de axudas, a Xunta quere apoiar o potencial divulgativo das entidades e organismos galegos vinculados á ciencia, a tecnoloxía e a innovación, financiando a organización e realización de actividades dirixidas a un público non especializado, para fomentar o achegamento da sociedade ao ámbito da I+D+I, con especial atención á xente nova.

Semana da Ciencia
Entre os obxectivos da convocatoria atópase financiar actividades organizadas no marco da Semana da Ciencia, un evento internacional coordinado en Galicia pola Dirección Xeral de I+D+I e que nesta edición inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Biodiversidade, polo que, aínda que a temática das actividades é totalmente aberta, se prevé un especial número de iniciativas dedicadas a esta materia.

As accións que se presenten á convocatoria de ‘Diverciencia’ deben estar dirixidas a un público non especializado, ter un enfoque innovador e lúdico, fomentar a participación cidadá e ter carácter gratuíto e aberto a toda a sociedade. Quedan expresamente excluídas da posibilidade de acceder a financiamento as conferencias, as xornadas de portas abertas e todas aquelas accións dirixidas a un público especializado.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son as universidades galegas; os centros tecnolóxicos; os organismos de investigación ou divulgación da ciencia dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración Xeral do Estado; as institucións sen ánimo de lucro con obxectivos relacionados coa investigación, o desenvolvemento tecnolóxico ou a difusión da cultura científica; e os organismos dependentes das entidades locais galegas que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia.

O financiamento das actividades pode chegar até o 100% dos gastos subvencionables, cun anticipo do 50% no momento da concesión da axuda. Entre estes gastos poden incluírse os custos de persoal, o aluguer de equipos e aparellos e a súa adquisición no caso de que esta estea xustificada, os traballos ou servizos tecnolóxicos externos dedicados á acción, o material funxible e outros gastos derivados da execución da acción (sempre que non superen o 5% do custo total).

No proceso de avaliación valorarase o interese, a oportunidade e a orixinalidade da actividade, a implicación do público, a aplicación do principio de igualdade de xénero e o plan de difusión. Teranse tamén en conta a experiencia previa da entidade e das persoas que organizan a actividade, a adecuación do equipo de traballo e a coherencia do orzamento cos obxectivos expresados.

Para participar na convocatoria, as entidades interesadas deben descargar os formularios dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, no enderezo economiaeindustria.xunta.es. As solicitudes poderán presentarse en papel nos rexistros aceptados pola lexislación vixente ou poderán tramitarse electronicamente no rexistro telemático da Xunta de Galicia.

Se estades interesados en organizar algunha actividade, podedes contactar coa Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo no teléfono 986 818 651 ou por email en otri12@uvigo.es

Entry filed under: Uncategorized.

O grupo de Novos Materiais limpará con láser o Claustro da Catedral de Compostela A Unidade de Cultura Científica, a tope co Campus do Mar

Deixar un comentario

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


A Universidade de Vigo ven de crear coa axuda da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) a Unidade de Cultura Científica co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da nosa universidade. Esta nova unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía e dotándoo de mecanismos cercanos e accesibles que os animen a profundizar nestas materias.

reto2030

reto2030